Animación do posible parque eólico na Serra do Galiñeiro

Preguntas Frecuentes

1. Que debo facer para asociarme?
Enche o formulario web que atoparás na sección 'faite socio',incluido a conta bancaria,
abona a cuota de entrada, os menores non teñen cuota de entrada,
pagar tamen a parte proporcinal da cuota semestral, unha fotografia tamaño carnet.
2. Que servicios presta Club Montañeiros Celtas aos seus socios?
A posibilidade de anotarse nas actividades orgaizadas polas seccións, deportivas e culturais e socias, e tamen actividades orgaizadas polas federacions de Montaña, Mergullo, espeleo, Esquí.
Posibilidade de facer as correspondentes fichas federativas.
A disposición dos socios:
MATERIAL
-Montaña: piolets, crampones, esquíes, cascos, etc.
-Submarinismo: botellas, reguladores, aletasetc.
-Espeleoloxía: carbureros, cascos, material vertical, etc.
-Esqui: material de esquí de travesia en actividades orgaizadas por M.C.
-Escalada: material de escalada.
REFUXIOS
-Aloia
-Galiñeiro
-Domaio
OUTROS
- Biblioteca de temas de montaña y ecoloxía, rutas.
-Rocodromo
-Internet
3. ¿Que é o primeiro que temos que saber antes de saír á montaña?
As prediccións meteorolóxicas, pois as malas condicións aumentan os riscos e a dificultade agrávase. Non obstante, as boas condicións non están exentas de riscos, porque na montaña existen cambios bruscos de tempo, e son máis frecuentes e violentos que nos vales.

A predicción metereolóxica é un factor de seguridade, pero nunca é unha garantía total na actividade a realizar; anticipa fenómenos e permite a posibilidade de coñecer a evolución do tempo. Un factor fundamental é interpretar e empregar a información adquirida adecuadamente, completándoa coa experiencia e a observación persoal do terreo.

O Instituto Nacional de Metereoloxía facilita esta información actualizada a nivel español diariamente, mediante internet na páxina www.aemet.es, ou en Galicia www.meteogalicia.es, en Asturias www.meteoasturias.com, etc.
4. Que alimentación precisaremos?
O montañeiro ten que cuidar especialmente a súa alimentación, pois o exercicio físico ten un gasto enerxético que debe compensar, e terá que sustentarse con:
· Proteínas
· Azucres
· Auga
· Vitaminas e minerais
· Graxas
Durante a actividade é precisa unha boa hidratación, sobre todo en media e alta montaña.
5. Que levaremos na mochila?
- Roupa de abrigo e imperbeable, lixeira, o mellor son tres capas:
- Camiseta térmica
- Forro polar
- Abrigo de material aillante
- Gorro, luvas, etc. (polas extremidades e pola cabeza é por onde se perde a maior parte da temperatura corporal).
- Calzado que protexa os nocellos e cunha sola adecuada (cubre botas ou polainas, en inverno ou primavera)
- Gafas con filtros adecuados contra o sol, cremas solares de protección total, gorra,
cantimplora.
- Un pouco de comida lixeira rica en calorías e nutritiva (froitos secos, chocolate,
barriñas enerxéticas, etc.)
- Croquis ou mapas da zona, GPS , compás.
- Teléfono móbil, unha caixa de primeiros auxilios (vendas, tixeiras, pinzas, esparadrapo, betadine, gasas, colirio, luvas estériles, antidiarreicos, aspirina, termómetro...)
- Un frontal, navalla, panos de papel, 15 metros de cordino de 5 ou 7 mm., lápis e
papel.

6. Que información previa precisamos sobre a actividade a realizar?
Características da ruta ou actividade, nivel físico e técnico para afrontala,
duración da mesma, previsión metereolóxica.
7. Que normas básicas teremos en conta unha vez iniciada a actividade?
· Comunicar a unha persoa ou entidade a actividade que desexamos practicar, percorrido, hora de saída e regreso, co obxecto de avisar ós grupos de socorro de perda ou accidente.
· Realizar o previsto, sen saírse da ruta.
· Nunca ir só.
· Non deixar descolgado a ningún compañeiro do grupo.
· A actividade remata ó final; temos que gardar forzas para o regreso.
· Non sobrevalorar as nosas forzas físicas e técnicas.
· Retirarse a tempo é unha victoria, nunca un fracaso.
· Beberemos bastante para hidratar o noso organismo.

Levar sempre o teléfono de socorro da Garda Civil de Montaña: 062.
8. Que é o alpinismo ?
O alpinismo é a máis antiga e completa das modalidades deportivas de montaña. Podería definirse como a acción de subir montañas, pero sempre por afán de superación, como resposta a un impulso persoal distinto en cada un ou polo pracer de acadar un cumio e observar o terreo que se abre ante os ollos.
Pese a que o home tivo que ascender montañas dende antigo, o montañismo como deporte xurde cando se comeza a practicar non como obriga, senón para satisfacer as inquedanzas de quen o practica. Este cambio prodúcese a finais do século XVIII cando un grupo de ingleses viaxaron ós Alpes coa intención de explorar o descoñecido ata entón. En pouco tempo, os Alpes foron lugar de encontro de aqueles que querían “subir montañas” polo simple pracer de subilas. Así en 1786 Jacques Balmat y Michel-Gabriel Paccard, acadan por primeira vez o cumio do Mont Blanc, o cumio máis alto dos Alpes con 4810m., toda unha proeza para a época.
Pouco a pouco o alpinismo foi evolucionando ata o concepto actual. Hoxe en día o bo alpinista ten un conxunto de técnicas, coñecementos e habilidades que lle permiten levar a cabo o seu obxectivo, como o esquí de montaña, escalar en rocha, xeo ou terreo mixto (aquel que combina rocha e xeo), pero tamén ten que ter nocións de orientación.
O alpinismo é un termo que normalmente se refire ó montañismo practicado en altas montañas, é dicir, montañismo de altura que entraña riscos, cálculo e tamén improvisación.
9. Que é o montañismo?
É a disciplina que consiste en realizar excursións polas montañas. É tamén o conxunto de técnicas, coñecementos e habilidades que nos permiten realizar este obxectivo.
O montañismo é un deporte, pero os que o realizan están convencidos de que é moito máis que iso: é unha forma de vida humana e de ver o mundo que os rodea.
O montañismo está dividido en doce especialidades:
· sendeirismo
· media montaña
· alta montaña
· expedicións
· escalada deportiva
· escalada clásica (subdividida á súa vez en escalada en rocha e escalada en xeo),
· esquí de travesía,
· barranquismo
· duatlón en montaña, media maratón de montaña e maratón de montaña.

10. Que é o sendeirismo?
O sendeirismo representa a opción máis tranquila de tódalas que se poden practicar en montaña; os excursionistas percorren camiños ou sendeiros sinalados, que serven de aproximación a enclaves con valores naturais, paisaxísticos ou culturais.
Son camiños pensados para aquelas persoas ás que lles guste camiñar, pódese practicar en calquera época do ano, non é precisa unha gran preparación técnica ou física e apenas se empregan materiais especializados.
11. Como están sinalados os sendeiros?
As marcas federativas de sendeiros que se empregan en España pertencen ó denominado “grupo latino” onde se encadran as de Portugal, Francia, Italia, Luxemburgo, Bélxica e Holanda, con gran similitude entre elas. Son recoñecidas por tódolos sendeiristas europeos como as propias dos países mediterráneos.
Temos tres tipos de sendeiros :

· GRANDE PERCORRIDO. A cor de referencia é a vermella, sendeiro de máis de 50 km. que se desenvolve en dúas ou máis partes. Pode ter asociados enlaces, derivacións e variantes.A súa rotulación son as letras maiúsculas GR e un número correspondente a unha serie nacional.
· PEQUENO PERCORRIDO. A cor de referencia é a amarela, sendeiro de menos de 50 km. que se pode percorrer en menos dunha xornada. Pode ter asociadas variantes e derivacións. A súa rotulación son as letras maiúsculas PR seguidas dun guión que as separa dun código de letras que marca un código territorial (nuns territorios, por decisión da federación autonómica, éste é provincial e noutras é autonómico); noutras pódese atopar un espazo no que aparece un número correspondente a unha serie autonómica e/ou territorial.

· SENDEIRO LOCAL. A cor de referencia é a verde, sendeiro de menos de 10 Km. A súa rotulación son as letras maiúsculas SL seguidas dun guión que as separa dun código de letras que sinala un código territorial (ben pode ser autonómico, provincial, comarcal ou municipal, según a decisión da federación autonómica); tras un espazo aparece un número correspondente a una serie autonómica e/ou territorial.
12. Que é a escalada?
A escalada é unha práctica deportiva que, na súa modalidade clásica, consiste en subir ou percorrer paredes de rocha, ladeiras escarpadas ou outros relieves naturais caracterizados pola súa verticalidade, empregando medios de aseguramento recuperables en case a súa totalidade e a posibilidade na súa progresión de empregar medios artificiais.

Consta tamén dunha modalidade deportiva que consiste en subir ou percorrer paredes provistas de vías equipadas con seguros colocados fixos na parede para garantir a seguridade do escalador.

A súa principal particularidade é que a escalada se leva a cabo unicamente empregando o relieve natural da rocha para progresar.

A escalada deportiva busca a máxima dificultade de movementos polo que require, por parte do escalador, unha intensa preparación previa.

Sobre o terreo natural se “abren” unhas vías que marcan o camiño da ascensión. Para abrir unha vía o aperturista percorre o camiño por primeira vez, preparándoo con productos especiais e asegurándoo. Unha vez finalizado este traballo o escalador ten que superala, entón a vía queda “encadeada” e o deportista lle asigna un nivel de dificultade.

Na escalada, a dificultade dunha vía márcase pola combinación de varios factores: a inclinación da parede, o tamaño e forma dos agarres, a distancia entre eles, os puntos de reposo e o número total de movementos.

Os niveis de dificultade son:

NIVEIS DE DIFICULTADE
I , II , III , IV , V , V+
6a , 6b , 6b+, 6c , 6c+
7a , 7b , 7b+ , 7c , 7c+
8a , 8a+ , 8b , 8b+ , 8c , 8c+ , 9a , 9ª+

13. Que é a espeleoloxía?
A exploración das cavernas e o seu estudio constitúen o obxectivo da espeleoloxía.
Esta actividade xurde como tal a finais do século pasado en Francia e se estende por Europa en poucos anos. Na súa faceta deportiva, ofrece as emocións das grandes aventuras na natureza.
No transcurso dunha fin de semana ou nun só día, o espeleólogo pode sentirse trasladado a un mundo tan remoto como poidan selo as profundidades mariñas ou a superficie doutro planeta.
Dende as cómodas covas horizontais ata as profundas simas, pasando por complexos sistemas laberínticos, hai todo tipo de cavidades que requiren distintos niveis de preparación e experiencia.
A práctica deste deporte require certa preparación física, pero é aínda máis importante se cabe a mental. O illamento nun entorno onde se perden as referencias tanto temporais como espaciais e a certeza de estar en ocasións moi lonxe da saída afectan psíquicamente se non se está preparado.
Nunha exploración complexa, a autosuficiencia e o espíritu de equipo son fundamentais.
Como actividade científica, atrae a atención de xeólogos, biólogos, arqueólogos e moitos outros que ven nas cavidades subterráneas un entorno adecuado para a
investigación.
14. Que é o mergullo?
O mergullo é o acto polo cal as persoas se afunden na auga, xa sexa mar, lago ou río, co fin de desenvolver unha actividade deportiva, comercial ou de investigación.
O mergullo deportivo presenta dúas maneiras de practicalo:
· mergullo libre en apnea “sen respiración” ou “a pulmón”
· buceo autónomo con equipo, ou escafandra autónoma.
O mergullo libre ou en apnea consiste nas técnicas e habilidades para realizar inmersións mantendo a respiración despois dunha profunda inspiración en superficie. Pode practicarse sen ningún equipo especial, pero a configuración deportiva actual consta dunha máscara apropiada, aletas, tubo de respiración ou snorkel, lastre e se é preciso, un traxe de material termo-illante.
O mergullo autónomo consiste no almacenamento de aire a presión nunha botella que é transportada polo mergullador, o que lle permite ir respirando o aire almacenado durante un tempo de autonomía considerable. Ademáis do equipo básico, require dunha botella de almacenamento do aire, un arnés (un mecanismo de flotabilidade integrado no arnés e o sistema de flotabilidade que recibe o nome de chaleco hidrostático), chaleco de flotabilidade, un sistema de válvulas, un sistema de lastre, tubos e boquilla, que conforman o que se denomina “regulador” na súa forma máis básica, pero os estándares de seguridade requiren unha serie de "reloxos" que lle permitan saber a qué profundidade está e canto aire ten, profundímetro e manómetro
O mergullo deportivo (libre ou autónomo) é unha actividade segura, pero que presenta riscos que lle son propios e que demanda moita responsabilidade por parte dos seus practicantes. Unha preparación adecuada, a familiaridade co equipo empregado, o coñecemento e aplicación das medidas de seguridade, un mínimo de coñecementos técnicos e fisiolóxicos e o respecto polos organismos do medio acuático son as condicións mínimas para levar a cabo e sen contratempos estas actividades.
O mergullo deportivo permite gozar dos fondos mariños e adentrarse noutro mundo case descoñecido, coñecer de preto a fauna e flora diferente e espectacular e deslizarse baixo as augas en entornos de ensoño rodeado de paisaxes impresionantes.
15. Que é o esquí de montaña?
O esquí de montaña é unha disciplina do alpinismo invernal que consiste no ascenso e descenso de montañas coa única axuda dos esquís, sen ningún tipo de propulsión mecánica. Esta característica o convirte nun dos deportes máis completos que existen, pois os seus practicantes precisan de gran variedade de perfís atléticos: a ascensión cos esquís postos, habilidade para desprazarse no chairo e saber practicar o descenso en todo tipo de neves e pendentes, ademáis de ser bos alpinistas: coñecer as características da montaña invernal, os seus perigos e dificultades.

O esquí de montaña xurde como a unión do esquí e o alpinismo, convertíndose no deporte que permite a todos aqueles amantes da montaña continuar avanzando cando esta está xa cuberta de neve.

O escenario do esquí de montaña é exclusivamente a natureza, pois o ascenso e descenso se producen “fóra de pista” en terreos non preparados onde non se produciu ningunha intervención humana (exceptuando nas competicións onde se marcan unhas trazas con tal de non prexudicar ós que van en primeira posición).

Os esquís, fixacións e botas son diferentes ás da modalidade alpina ou ó esquí de fondo, ademáis de poseer material específico como por exemplo as chamadas “peles de foca” necesarias para evitar que os esquís se deslicen cara atrás nas subidas. Os atletas empregan cascos especiais e levan consigo unha lixeira mochila. Ademáis, é imprescindible levar un ARVA (Appareil de Recherche de Victime de Avalanche) que, pegado ó corpo, emite sinais en caso de que se produza unha avalancha e o deportista quede sepultado baixo a neve.




Camelias 78, Oficina K 36211     VIGO - Pontevedra
T: 986 438 505 F: 986 912 220 info@celtas.net