Animación do posible parque eólico na Serra do Galiñeiro

Montañeiros Celtas, na orixe...

Montañeiros Celtas constitúese en 1942 ao abeiro da Sección de Montaña do Real Club Celta de Vigo. Precisamente 42 foron os socios fundadores que co seu empeño e traballo fusionaron o Centro Excursionista de Galicia (1936) e a Peña Excursionista Viguesa (1938) e sentaron as bases do Club. Unha década despois, en outubro de 1952, o Club independízase do R. C. Celta de Vigo coma o 'Club Montañeros Celtas' primeiro e xa un tempiño despois como 'Club Montañeiros Celtas'.

Club, obxectivos e seccións

O principal obxectivo da asociación é a difusión dos deportes de montaña en todas as súas modalidades, e de calquera actividade ligada ao entorno da montaña e da natureza tanto sexa deportiva como cultural. Os Estatutos da asociación, aprobados en Asamblea Xeral do 21 de maio de 2004, recollen os obxectivos da mesma no artigo número 7.

Dentro do Club contamos con varias seccións: Montaña, Sendeiros, Escalada, Esquí, Espeleoloxía, Bici de Montaña, Subacuáticas e Infantil son as principais. Esta última sección organiza unha das actividades máis importantes do Club que demos en chamar “Operación Benxamín”: o curso de iniciación ao montañismo que cada mes de maio se celebra para nenas e nenos de entre 8 e 14 anos. Desde que Rogelio Pereira tivera a iniciativa alá polo 1967 e ata o día de hoxe, continuamos coa pretensión de achegar a montaña ós máis novos.

Construindo afición, xa pasamos dos 1000 socios

Actualmente o noso Club conta cunha base social moi alta: os máis de mil socios converten a Montañeiros Celtas no club máis grande de Galicia.

A intensa actividade deportiva e cultural realizada ao longo de todos estes anos mereceu diversos recoñecementos. Algúns bos exemplos son o trofeo 'Julián Delgado Úbeda' da Federación Española de Montañismo ou a distinción como 'Mellor Club de Galicia' da Federación Galega de Montañismo entre 2003 e 2007.




Camelias 78, Oficina K 36211     VIGO - Pontevedra
T: 986 438 505 F: 986 912 220 info@celtas.net