Animación do posible parque eólico na Serra do Galiñeiro

Actividades

Montaña

TREVINCA
Montañismo por Trevinca
Data:
13/02/2010
Organiza:
Seccion de Montaña
13 y 14 de Febrero
Data limite de inscrición:
01/02/2010
Crónica
En plena Vaga de frío polar un grupo de montañeiros atrévese a desafiar ao Pena Trevinca.
Este podería ser o titular de prensa se tivese que facer a crónica desta travesía. Un pouco exaxerado, diredes vós, pero a verdade foi que a sensación térmica desa fin de semana nas montañas de Ourense descendeu varios grados por debaixo do cero.
Todo comezou nunha fin de semana do mes de febreiro. Máis concretamente, o venres 12 de febreiro, cando, en coches particulares, nos fomos achegando a contagotas un grupiño de xente ata o lugar da Ponte. Aínda que verdadeiramente isto comezou antes, cando tomei a decisión de ir e me anotei na listaxe que estaba aberta no local de Montañeiros Celtas. Naquel momento parecía unha boa idea!













E despois, xa se sabe, chamadas de teléfono a metade de semana para arranxar o tema do transporte:
- Mira que vas ter que ir con Enrique no seu coche...
- Resulta que o coche de Enrique xa está cheo, así que vas ter que ir con Pedro.
- E a que hora saímos? E de onde?
- Vas ter que recoller primeiro a Silvia en Vigo e achegarte ata Ponteareas, onde vos espera Pedro, e alí colleredes o coche ...
Buff! Despois de varios correos e chamadas a cousa arranxouse.
E chegamos ao lugar da Ponte.
- Pero, onde demo está o refuxio?
- Voulle preguntar ao paisano.
- Parece mentira que nun pobo tan pequeno, tres montañeiros afeitos a perderse polo monte non sexan quen de atopar un refuxio de montaña.
- Velaí o refuxio con tres coches na porta!
- Parece que o resto xa chegou con tempo.
- A ver se nos teñen o refuxio quente.
- Pero, se isto parece unha neveira.


Desde logo hai que estar un pouco toliño para cambiar un fin de semana de Entroido e especialidades gastronómicas da época, por frío e comidas frugais... Pero que digo, se estou encantado de ir á montaña, aínda que faga frío. Encántame a desconexión que me ofrece, a ausencia de ruídos e fumes... e sobre todo en inverno, cando as paisaxes se tinxen de branco. Debo ser un pouco masoca, porque repito e repito, e total, para subir e baixar montañas.
Pois ben, xa no refuxio, despois de varias tentativas e cos medios escasos para facer lume, conseguimos acender a cheminea e quentar un pouco o ambiente para cenarmos e prepararnos para ir durmir.
O sábado amenceu conxelado. A temperatura no exterior do refuxio era realmente baixa, pois había unha boa capa de xeada. De feito, o río que hai a saída da aldea estaba cheo de carámbanos de xeo que colgaban das polas dos arbustos e demais vexetación das veiras do Xares.
Con esta temperatura costaba un pouco comezar a camiñar, pois os pés doían co frío. Pero pouco a pouco, paseniño a paseniño, fómonos pondo en marcha, e subindo as costas do camiño que nos levaría ata o Fial fomos entrando en calor. Ademais, o sol comezou a asomar por entre as montañas, polo que a temperatura se fixo máis agradable. Así, chegamos a lagoa da Serpe, que estaba completamente conxelada, a tempo de tomar o primeiro descanso e comerlle un bocado.
Proseguimos camiño cara o alto de Turrieiro, para logo baixarmos un pouco, e logo subir ata o cordal de Surbia, que prosigue ata o Pena Trevinca. Alí chegamos cos últimos raios de sol e unha baixada de temperatura considerable. Os días de febreiro son curtos e as noites moi frías, polo que tivemos que tomar a decisión de facer campamento aos pés do Pena Negra.
Coas mans conxeladas e os corpos ateridos, montamos as tendas a tempo para ver a espectacular posta de sol que se nos ofrecía desde o cumio do Pena Negra.
A noite foi longa e deixou un manto de xeada sobre as nosas tendas, traspasando incluso as capas de tecido e chegando ata os nosos sacos, que se mostraban brancos e un pouco duros. Toda a auga que traíamos connosco quedou transformada en xeo. Con este panorama, foi moi duro pór o pé fóra da tenda, pero houbo que botarlle arrestos, pois había que moverse para desentumecer o corpo.
Vaia sorpresa ao saír fóra da tenda. Logo de pasar unha noite tan fresquiña dentro do saco e nunha tenda, descubro que houbo un valente entre os noso que fixo un vivac con saco e funda. Isto si son homes!
Logo dun almorzo exprés, recollemos o campamento e dirixímonos cara o Sestil, para coller o cordal que se dirixe ao Maluro, pero no lombo do Roncín xiramos á esquerda para baixar polo camiño que leva ao regato das Meladas. A altura das minas, baixamos polo sendeiro que vai dar ao Val do río Xares, onde seguimos o camiño que conduce ao lugar da Ponte, principio e fin do noso roteiro.
Ao sol do medio día, quentamos un pouco o corpo antes de emprender camiño de volta á casa, comendo e comentando as peripecias deses e doutros días de montaña e facendo plans para as vindeiras saídas. Desde logo os montañeiros non quedamos nunca fartos de montaña. Somos insaciables!


Xulio Troitiño





Camelias 78, Oficina K 36211     VIGO - Pontevedra
T: 986 438 505 F: 986 912 220 info@celtas.net